Pro ASP 2-Star Surf Rías Baixas (Star Event)

By 03/02/2014 Noticias No Comments

Máis de 100 surfistas de 19 nacionalidades daranse cita na Lanzada, do 9 ó 13 de abril, para participar no Surf Rías Baixas Pro..Pontevedra

Tras o éxito acadado na organización do Surf Rías Baixas Pro Junior, que tivo lugar o ano pasado, a praia da Lanzada acollerá, do 9 ó 13 de abril, un novo campionato, esta vez de máximo nivel, no que se agarda a presenza de máis de 100 profesionais de 19 países.

Así o anunciaron esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a deputada Begoña Estévez nunha rolda de prensa na que subliñaron a aposta da Administración provincial polo turismo deportivo, como unha forma máis de desestacionalizar e dinamizar o sector.

Rafael Louzán incidiu nas potencialidades que ofrece a costa pontevedresa para a práctica do surf e na decisión da Deputación de promover as Rías Baixas como referente para este deporte.

Para o titular da Administración provincial os obxectivos que se perseguían co campionato de 2013 cumpríronse e “o que pretendemos agora é a consolidación da provincia de Pontevedra e de lugares dunha beleza paisaxística única, como pode ser A Lanzada, como referentes do surf en Galicia e en España”.

Louzán destacou o respaldo explícito a este evento da Asociación de Surfistas Profesionais (ASP), con sede en París, e amosouse convencido de que será un novo éxito.

Begoña Estévez sinalou que, á hora de elixir Pontevedra para a organización dunha das probas do calendario da ASP, puntuables para o mundial, esta asociación valorou “as condicións do mar, da praia, e a boa organización” do campionato anterior, no que se programaron multitude de actividades paralelas, combinando deporte, gastronomía, xogos e música.

1000 bautismos de mar

A intención da Deputación é que tamén este campionato sirva para programar múltiples actividades, entre as que se baralla a posibilidade de convidar os nenos dos colexios do Salnés a participar nos bautismos de mar, igual que se fixo na pasada edición cos das escolas deportivas.

Foron máis de 900 nenos, 42 clubs e 100 monitores os que participaron nestes bautismos de mar, que superaron os 1000.

Series clasificatorias

O campionato levará o nome Surf Rías Baixas Pro, e é un Star Event, é dicir, forma parte das series clasificatorias mundiais.

Disputaranse tanto a categoría feminina coma a masculina, e, no ranking que establece a ASP, o Rías Baixas Pro será un evento dunha estrela.

Entre os participantes haberá surfistas de Irlanda, Alemaña, Holanda, Noruega, Suecia, Portugal, Marrocos, Italia, Francia, Reino Unido, Arxelia, Israel, e de lugares coma Illa Reunión, a Polinesia Francesa ou Illas Galápagos, entre outros.

O campionato será retransmitido en directo, en streaming, desde a web da Asociación de Surf Profesional de Europa e desde a propia páxina da Deputación.

Leave a Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies